Sábado 11 de Marzo de 2006

A democracia dixital, un debate da participación cidadá na vida política

Dende que as novas tecnoloxías se introduciron na nosa sociedade, hai certos axentes que se dedican a observar se estas ferramentas da información levan consigo prácticas substanciais que fomenten a participación cidadá nas cuestións políticas. Certamente, a desafección política que se está a vivir nas sociedades democráticas occidentais está promovendo que dende algúns recunchos da sociedade se vexa nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) a posibilidade de que os cidadáns e o seus representantes teñan un contacto máis directo sen o filtro dos tradicionais medios de comunicación.
Esta posibilidade propiciou que moitos analistas e investigadores do ámbito da Comunicación Política expuxeran diferentes hipóteses coas conclusións aínda por ver: se por unha banda se pensa que as Tecnoloxías da Información e da Comunicación poden eliminala patía e o desencanto político que grandes sectores sociais senten na sociedade actual e que a súa aplicación nos servizos públicos pode ser aproveitada para obter un maior rendemento nos mesmos; por outra banda considérase que a introdución destas tecnoloxías no ámbito público non vai a mudar nin os xeitos, nis os retos, nin tampouco os obxectivos da política.
As teorías máis realistas esbozan que as ferramentas tecnolóxicas (coma por exemplo Internet e os teléfonos móbiles, entre outras) non van a significa-la transformación dos sistemas políticos de Occidente –é dicir, Internet non vai trasladala política ós cidadáns- mais defenden que achegan novas vías de comunicación e de intercambio de información para os cidadáns que realmente teñen interese nas cuestións políticas. Deste xeito, aínda que as tecnoloxías non van a ocasionar que as prácticas da democracia participativa vaian cumprirse (ó menos a curto prazo) si ofrecen unha implicación máis achegada entre os políticos e os cidadáns máis interesados.
Precisamente, un dos aspectos que causa máis olladas no proceso de aplicación das TIC ó ámbito político é a participación cidadá nas cuestións públicas e non se pode confundir esta participación coa xestión de documentos coa Administración Pública, pois iso non é máis que unha mellor de servizos públicos, senón na posibilidade que teñen os cidadáns dunha determinada comunidade para informarse, deliberar e decidir sobre asuntos da mesma.
Artigo publicado en Código Cero
Nun primeiro termo, hai que pensar no interese que poden amosa-los usuarios para intervir nas cuestións públicas e, en segundo termo, nas posibilidades reais de acceso que eses electores poden ter á información pública. En base a este argumento, pensar nunha cidadanía máis activa, ben instruída, que recompila información e expresa as súas opinións, é acertado para describila situación dalgúns cidadáns, daqueles que están politicamente interesados e motivados. Para este sector da poboación, Internet si pode significar un importante avance no proceso de reunir información e de entrar en contacto con quenes establecen decisións. Non obstante, para a gran maioría dos habitantes non terá estas consecuencias.
Con todo, aínda queda moito que percorrer no vieiro do acceso universal de tódolos cidadáns á Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). Finalmente, hai que ter presente o interese ou a posibilidade dos gobernos e das institución públicas para facilitar información, e a probabilidade real destes cidadáns para atopala. Neste sentido, pódese considerar que, até o intre, a maioría dos representantes políticos están máis preocupados por cuestións coma o control da información e a intromisión na intimidade persoal de cada individuo ca por velar porque este dereito democrático de acceso a información se vexa cumprido.
Neste contexto é mester formularse o papel que os axentes políticos, sobre todo o dos gobernos, exercen na Rede. Ademais da responsabilidade dos cidadáns cómpre referirse á dos políticos en canto aproveitan esta falta de entusiasmo dos cidadáns para cumpri-los seus obxectivos propagandísticos en lugar de fornece-lo coñecemento libre entre os individuos. O problema é que, segundo consideran moitos analistas, os políticos trasladaron á Rede os seus discursos tradicionais e manteñen o sentido da información: ora falan da ausencia de entusiasmo e interese dos cidadáns para participar na vida política, ora cústalles desenvolver propostas que promovan esa participación.
En definitiva, estase vendo que a Red ofrece novas posibilidades ós cidadáns de a pé, principalmente ós que realmente están interesados na política, para participar na vida pública.
No en tanto, aínda existen moitas trabas para que esas posibilidades poidan levarse ao fin: ben pola responsabilidade do propio individuo (por descoñecemento ou interese) mais, sobre todo, porque os gobernantes aínda seguen amosando máis interese na poboación coma conxunto (a través dos medios de comunicación de masas) cá nos cidadáns coma individuos.

Posted by eva at 18:47:22 | Permanent Link | Comments (0) |
Comentarios
Escribir comentario