Saturación tecnolóxica

Vivo con estupor a aparición da cantidade e continuos aparellos tecnolóxicos que están a saír nesta pre-campaña electoral para darlle ese toque recalcitrante de modernidade que, ao meu entender, se ve con pouco siso. O que pretende ser unha marabilla de incorporación da tecnoloxía (ou como algúns lle chaman, da web 2.0) á campaña electoral convertese nun escenario de ruído onde un usuario se perde. É un dos grandes riscos desta era tecnolóxica.

Un deputado publica no seu blogue a súa perplexidade ante unha nova dun xornal onde o acusan de ser un dos parlamentarios da Cámara Baixa que menos iniciativas presentou durante a VIII Lexislatura. Esa acusación (que denota un grandísimo descoñecemento da actividade parlamentaria, xa que un deputado no se adica só a presentar iniciativas) está baseada nun portal ‘Discursia.com‘ que, ademais de revelar esta información, ofrece aos usuarios a posibilidade de contactar (vía correo electrónico e participando nun foro) cos deputados. Hai que ter claro que ninguén, segundo parece, lle comunicou aos deputados que se ía por en marcha esta iniciativa, e convidalos a participar; Entón, como se vai esperar que participen se nin saben que existe este portal?

Cando se pretende unha verdadeira intención participativa hai que implicar a cidadáns, a políticos e a mediadores (ao menos, nos comezos). E o máis difícil non é que participen os cidadáns (que tamén) senón convencer aos políticos de que estean aí, escoitando as suxestións, as críticas e as peticións dos usuarios. E iso require de moita planificación, moita preparación previa. E, por suposto, de moita labia.

Aínda que se pense o contrario, que a tecnoloxía é futuro, debemos botar a ollada atrás e tratar de rescatar algunhas das experiencias que xa están en marcha, ou incluso caducadas, e traballar sobre elas; dende logo, moitas das novas experiencias que están a saír nada teñen que envexar a outras que xurdiron na campaña do ano 2004 e que quedaron enterradas no tempo. As cousas que saen non lembran o pasado (é o problema destas modernidades, que o que pasou fai catro anos xa é moi vello e non merece a pena rescatar). Por iso que esta campaña electoral estame a dar algo de inquietude: se algunha vez se puidera falar de bombardeo tecnolóxico, este é un deses momento.