Mulleres e homes: a diferenza na Rede

Este ano cúmplese o quinto aniversario da nosa revista Código Cero e nun número especial démonos cita varios colegas. Eu, pola miña banda, tratei de contribuir con un tema que me preocupa e que xa falamos e anteriores ocasiones (lembro unha divertida conversa con Alorza): As mulleres e o uso de Internet.

Internet está na sociedade pero aínda existen grandes diferenzas entre as persoas que poden acceder á Rede e as que non. A chamada divisoria dixital (porque non é realmente unha fenda lineal e uniforme) está cruzada con outras fendas sociais como a educación ou o nivel socioeconómico. Internet require dun dominio de certas destrezas técnicas pero tamén precisa dunha certa capacidade de expresión e de razoamento.

Neste escenario, onde as persoas con menos recursos económicos e con menor nivel educativo (sen obviar o sesgo de idade e o xeográfico), as mulleres resultan aínda o grupo dentro do colectivo de desconectados máis prexudicado. Tal e como marca o Instituto Nacional de Estatística, fronte ó 51,5% dos homes conectados nunha paréntese de tres meses no primeiro semestre do 2006, sitúase o 44,2% das mulleres. A mesma comparativa amosa en Galicia que os homes conectados superan en case sete puntos ás mulleres que acceden a Internet (45,7% fronte ó 38,2%).

E, aínda que o número de usuarios medra cada ano, o ritmo de crecemento das usuarias é máis lento có dos homes. Neste eido, España é un dos países da Unión Europea que conta coas diferenzas de acceso a Internet entre sexo máis elevadas. Actualmente, o panorama español non deixa lugar a dúbidas: só as mulleres da Rioxa se conectan máis cós seus colegas varóns e, sen comparar Ceuta e Melilla, as diferenzas que existen en Murcia ou en Madrid (de máis de 10 puntos porcentuais) resultan cando menos preocupantes. Galicia ocupa o oitavo posto entre as comunidades con máis diferenzas.

Afortunadamente, esta necesidade está a pórse de manifesto vigorosamente no ámbito académico. Cecilia Castaño, catedrática de Universidade, leva varios anos traballando a liña de investigación centrada nas mulleres e as tecnoloxías da información. Na súa opinión, unha das razóns fundamentais desta distancia entre homes é mulleres débese a que á Internet accédese fundamentalmente dende o traballo e o número de varóns con conexión á Rede nos postos de traballo é moi superior ó delas: do total do emprego feminino só un 5% está relacionado coas TIC.

Alén diso, Castaño explica que as mulleres teñen menos tempo: os homes conéctanse a Internet fundamentalmente para o lecer mentres que as usuarias fano para cuestións máis prácticas e normalmente relacionadas coa familia. Mais non se pode esquecer que “Internet axuda ó empoderamento das mulleres, poden conectarse con outras, compartir información e permite ter unha xanela ó mundo”, di Castaño.

Esta catedrática de Universidade engade que os contidos de Internet seguen a ser moi masculinos, moitas das páxinas para mulleres están feitas por homes. Polo que se refire ós instrumentos TIC que lles permiten ás mulleres
xerar contidos na Rede ou ó software libre, Castaño explica que é moi importante librarse dos royalty pero que para que o seu emprego sexa igualitario ten que avanzarse na fluidez e, agora mesmo, non é precisamente doado o manexo destas ferramentas. Isto poténcianse coa presenza de mulleres e homes nas carreiras relacionadas coa materia, onde as primeiras están moi por debaixo dos segundos.

En resumo, aínda que as mulleres estamos cada vez máis conectadas hai que agardar que a diferenza entre sexos continúe a diminuír. E, sen dúbida, esa fenda será paralela á diminución doutras fendas sociais, das que as mulleres representan o colectivo máis prexudicado dos grupos menos favorecidos.

 

Código Cero Número 52